Curso Básico de EnF con Lentes Violetas
Con seis edicións celebradas, esta formación está dirixida a profesionais, voluntariado e persoas vinculadas á Educación Non Formal que desexan incorporar a perspectiva de xénero á súa práctica socioeducativa e promover unha educación máis igualitaria, diversa e libre de violencias machistas.
A formación persegue un dobre obxectivo. Por unha banda, facilitar coñecementos, ferramentas e metodoloxías para desenvolver intervencións socioeducativas con perspectiva de xénero. Pola outra, favorecer un efecto multiplicador, impulsando que as persoas participantes se convertan en axentes de cambio nas súas entidades e comunidades, promovendo unha visión estrutural da igualdade.
Ao longo do curso revísanse os principais conceptos relacionados coa igualdade e a diversidade afectivo-sexual e de xénero para construír unha linguaxe común e afóndase en cuestións como as teorías queer, a Educación Afectivo-Sexual, a transformación dos modelos afectivos, as masculinidades, a autodefensa feminista, as resistencias presentes nas contornas educativas e as metodoloxías para educar en igualdade.
Máis alá dos contidos, cremos nunha formación baseada na participación, a reflexión compartida e a sabedoría colectiva. Un espazo seguro para intercambiar experiencias, cuestionar prácticas e seguir dándolle forma ás nosas propias Lentes Violetas.

.png)
Curso Avanzado de EnF con Lentes Violetas
Nace da vontade de dar continuidade ao proceso formativo iniciado no Curso Básico e de responder á demanda de espazos específicos para profesionais que xa desenvolven proxectos de educación en igualdade e prevención das violencias machistas.
Concíbese como un encontro intensivo de fin de semana no que compartir experiencias, coñecer iniciativas innovadoras e construír colectivamente respostas aos retos que xorden no traballo diario. Para iso, cada edición reúne persoas e proxectos de referencia que achegan novas perspectivas, metodoloxías e ferramentas, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de redes profesionais.
Conscientes de que o traballo pola igualdade tamén implica un importante desgaste emocional, o curso incorpora espazos de coidado, convivencia e conexión entre as persoas participantes. A programación complétase con actividades lúdicas e culturais protagonizadas por mulleres e persoas con identidades de xénero non normativas, achegando referentes feministas e LGTBIQA+ e fortalecendo unha comunidade profesional comprometida coa transformación social.
.png)
.png)
