Protocolos Específicos para Entidades Sociais, Educativas e/ou Culturais
Acompañamos a cooperativas, asociacións, centros sociais autoxestionados e outras entidades na elaboración de protocolos personalizados para a prevención, detección e actuación fronte ás violencias machistas, adaptados á súa realidade, ás súas dinámicas de funcionamento e ás características das actividades que desenvolven.
Máis alá de establecer procedementos de actuación, entendemos os protocolos como ferramentas para promover a igualdade e construír espazos máis seguros. Por iso, incorporamos unha perspectiva feminista, educativa e interseccional que integra tamén principios de xustiza restaurativa e transformativa, favorecendo a abordaxe e reparación de condutas que, aínda sen constituír un delito, supoñen abusos de poder, discriminacións ou violencias sutís e poden converterse nunha oportunidade para impulsar procesos de sensibilización e cambio dentro da propia entidade.
.png)
Puntos Violeta en Entidades Sociais, Educativas e/ou Culturais
Ofrecemos formación e acompañamento para que entidades sociais, educativas e culturais poidan crear e dinamizar os seus propios Puntos Violeta, mesmo cando contan con equipos profesionais pequenos ou con recursos limitados.
A formación está dirixida a profesionais e persoas voluntarias, proporcionando ferramentas para a prevención, a primeira atención e a actuación ante posibles situacións de violencia machista. Abórdanse criterios de escoita, acollemento, actuación e derivación a recursos especializados cando sexa necesario, contribuíndo a que cada entidade conte cun equipo preparado para actuar con seguridade, coordinación e responsabilidade.
.png)
