Kits de Actividades para Educar en Igualdade
Sabemos que moitas entidades socioeducativas, asociacións e colectivos desenvolven un enorme labor de promoción da igualdade, pero non sempre contan co tempo, os recursos ou os perfís especializados necesarios para deseñar novas actividades. Por iso, desde Lentes Violetas creamos unha colección de kits didácticos listos para levar á práctica, pensados para facilitar o traballo de profesionais e persoas voluntarias.
Cada kit inclúe unha proposta educativa completa, acompañada de todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento: paneis, cartas, tarxetas, recursos imprimibles e unha guía didáctica detallada que explica paso a paso como dinamizar a actividade. O obxectivo é que calquera entidade poida incorporar estas propostas á súa programación de maneira sinxela e reutilizalas tantas veces como o precise.
Actualmente, a colección está formada por tres actividades que abordan diferentes aspectos da educación para a igualdade:
1/ Xenerusino, o gamusino do xénero
Unha proposta para explorar a diversidade afectivo-sexual, as identidades e expresións de xénero e a liberdade para ser e relacionarnos.

2/ A Resistencia
Un gran xogo cooperativo que invita a reflexionar sobre os estereotipos e as desigualdades de xénero a partir de situacións próximas á realidade da mocidade.
.png)
3/ O Iceberg das Violencias Machistas
Un recurso educativo para identificar e comprender as diferentes tipoloxías e formas de manifestación das violencias machistas, así como para promover relacións interpersoais baseadas nos coidados e o bo trato.

