top of page
Pílulas Formativas de Educación para a Igualdade en Entidades Socioeducativas

Cada entidade atópase nun momento diferente cando decide incorporar a perspectiva de xénero ao seu día a día. Por iso, esta liña de actuación propón un itinerario flexible de acompañamento, adaptado ás necesidades e á realidade de cada organización. O obxectivo é facilitar que a igualdade forme parte tanto da práctica educativa como do funcionamento interno das entidades socioeducativas e de tempo libre.

O itinerario estrutúrase en tres eixos complementarios, que poden desenvolverse de maneira independente ou como un proceso completo:

 

1/ Análise da realidade e detección de necesidades

Acompañamos ás entidades na análise da súa realidade mediante unha ferramenta de auto-diagnose da saúde da igualdade de xénero, identificando conxuntamente os principais retos e establecendo as áreas prioritarias de intervención.

2/ Desenvolvemento da formación

As entidades escollen as pílulas formativas que mellor responden ás necesidades do seu equipo educativo ou voluntariado, e nós adaptamos cada proposta á súa realidade. O catálogo aborda diferentes ámbitos da educación para a igualdade, combinando fundamentación teórica, metodoloxías participativas e ferramentas prácticas para a intervención socioeducativa. As formacións poden desenvolverse en modalidade presencial, en liña ou mixta.

3/ Posta en práctica na entidade

Para favorecer que a aprendizaxe se traduza en cambios reais, o itinerario complétase coa realización dunha actividade dirixida ás persoas participantes da entidade. Se así o desexan, acompañamos tamén o seu desenvolvemento, colaborando na planificación e na execución da proposta.

Todas as accións deste programa son 100 % gratuítas, grazas ao financiamento da Deputación da Coruña. Se formas parte dunha asociación, cooperativa, colectivo de Educación Non Formal ou doutra entidade socioeducativa, ou se participas na formación de futuras profesionais do tempo libre, da educación social ou da animación sociocultural, convidámoste a descubrir o catálogo e a poñerte en contacto connosco!

Imaxes Banner Sitio Web Lentes Violetas.png
bottom of page