
Lentes Violetas: O proxecto
Desde 2022 acompañando a entidades sociais, educativas e culturais na construción de espazos máis igualitarios.
Moitas das formas de mirar o mundo aprendémolas, sen decatarnos, ao longo da nosa vida. A través da educación, da familia, das amizades, dos medios de comunicación ou das redes sociais imos incorporando ideas, crenzas e estereotipos que condicionan a maneira na que entendemos a realidade e nos relacionamos coas demais persoas.
Pero tamén podemos aprender a mirar doutro xeito.
Lentes Violetas é un proxecto socioeducativo desenvolvido por Aventeira S. Coop. Galega e subvencionado pola Deputación da Coruña, que naceu no ano 2022 co propósito de promover unha mirada máis consciente, crítica e comprometida coa igualdade.
As "Lentes Violetas" son unha metáfora: representan un conxunto de ferramentas, recursos e aprendizaxes que nos axudan a identificar as desigualdades de xénero, cuestionar estereotipos, detectar as diferentes formas de violencia machista e promover relacións baseadas no respecto, a corresponsabilidade, os coidados e o bo trato.
Desde o seu inicio, o proxecto foi medrando e incorporando novas liñas de actuación dirixidas a entidades sociais, educativas e culturais. A través de formacións, materiais didácticos, asesoramento, recursos pedagóxicos e espazos de participación, buscamos acompañar ás persoas e organizacións na construción de contornas máis igualitarias e libres de violencias machistas.
Porque poñerse as Lentes Violetas significa aprender a mirar a realidade con outros ollos. E cando cambia a nosa mirada, tamén cambia a forma na que educamos, participamos e transformamos o mundo.

Proxecto subvencionado cun importe de 19.987,81€ pola Deputación da Coruña, a través do Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Desenvolvemento de Programas de Políticas de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes e Loita contra a Violencia de Xénero no ano 2026.
Liñas de Acción
Cursos de EnF con Lentes Violetas
Aprender, compartir e transformar
Espazos de encontro dirixidos a profesionais e persoas voluntarias do eido da Educación Non Formal que combinan formación, reflexión colectiva e recursos prácticos para educar con perspectiva de xénero e enfoque interseccional.
Pílulas Formativas
Educación para a Igualdade en entidades socioeducativas
Acompañamos a entidades socioeducativas e de tempo libre a través de pílulas formativas adaptadas ás súas necesidades, achegando ferramentas prácticas para incorporar a perspectiva de xénero e promover a igualdade na súa acción cotiá.
Plans de Igualdade
Guía para construír entidades máis igualitarias
Compartimos a nosa experiencia nunha guía práctica para facilitar a elaboración voluntaria de Plans de Igualdade en entidades socioeducativas, con orientacións, exemplos e ferramentas adaptadas á súa realidade.
Fronte ás Violencias Machistas
Protocolos e Puntos Violetas para entidades
Acompañamos a entidades sociais, educativas e culturais na creación de protocolos e na formación de equipos para previr, detectar e actuar fronte ás violencias machistas desde unha perspectiva feminista, comunitaria e adaptada á súa realidade.
LAB de Asembleas Feministas
Grupos de participación xuvenil en centros educativos
Promovemos a creación de asembleas feministas, LGTBIQA+ e espazos de masculinidades disidentes nos centros educativos, ofrecendo formación, acompañamento e recursos prácticos para construír comunidades escolares comprometidas coa igualdade.
Kits de Actividades
Recursos prácticos para educar en igualdade
Dinámicas, materiais educativos e guías didácticas para traballar en prol da igualdade, a diversidade afectivo-sexual e de xénero, e a prevención das violencias machistas de forma adaptada a diferentes contextos socioeducativos.
Mapa de Recursos Violetas
Repositorio colaborativo para educar en igualdade
Explora centos de recursos organizados por categorías: publicacións, materiais audiovisuais, itinerarios formativos e moito máis, nun espazo dixital en constante actualización e de libre acceso
Contacto
Tes algunha dúbida sobre o proxecto? Gustaríache levar algunha das nosas propostas á túa entidade ou centro educativo? Queres colaborar con nós ou saber máis sobre as distintas liñas de actuación?
Estaremos encantadas de escoitarte para atopar, man a man, a proposta que mellor se adapte ás vosas necesidades e inquedanzas.
Contacta con nós e poñámonos as Lentes Violetas xuntas!
E-mail • lentes.violetas@aventeira.com
Teléfono • (+34) 722 349 483
Web • www.aventeira.com









